Logo Agolpe de pedal

Logo Agolpe de pedal Vive la bici!

Por Alejandro hace 1 semana, 1 día

2002-2017. 15 anos A Golpe de Pedal

 

15 anos  A Golpe de PedalEn Agosto do ano 2002, xa hai 15 anos firmouse en Vigo a Acta Fundacional da Asociación de Amigos da Bicicleta A Golpe de Pedal, cos fins, como marcan os seus estatutos, do desenvolvemento, promoción, uso e desfrute da bicicleta, a defensa dos dereitos dos ciclistas, así como o fomento do deporte en xeral, e da concienciación e sensibilización social da utilización da bicicleta como factor de mellora da calidade de vida.

 

Durante estes 15 anos a asociación esforzouse por desenvolver actividades relacionadas co mundo da bicicleta, como marchas ciclistas para todos os públicos coa fin de fomentar a utilización e desfrute de este medio de ocio e transporte. A marcha amarela polo tour de Oscar Pereiro, marchas polo carril bici Vigo Baiona ou as marchas e manifestacións “Vive Vigo en Bici” que acabaron dando lugar ao que hoxe en día é “A Pedaliña” como evento festivo, divulgativo e recreativo para todos os públicos en torno a bicicleta.

 

Así mesmo e considerando a bicicleta como un dos máis eficientes, sostibles e saudables medios de transporte véñense presentando de maneira continua diferentes iniciativas os distintos gobernos en prol da integración efectiva da bicicleta como medio de mobilidade sostible e mellora da saúde e calidade de vida. O proxecto Eurovelo, impulsado xunto coa federación portuguesa de Ciclousuarios e Utilizadores de Bicicleta, entre 2006 e 2008 e que se concretou na aprobación no 2016 da ruta Eurovelo Atlántica por toda a costa portuguesa, foi unha das iniciativas que consideramos máis importantes. Ainda que en Galicia se paralizou, seguimos actualmente traballando para retomar esta proposta que consideramos unha oportunidade dinamizadora tanto para o uso da bicicleta como medio de mobilidade urbana e interurbana como para a potenciación do cicloturismo como un novo sector económico ligado ao turismo sostible e a posta en valor e coidado do noso medio natural. Outro proxecto de relevancia foi tamén a participación na proposta de carrís bici para a cidade de Vigo feita tamén entre 2006 e 2008 polo Valedor do Cidadán de Vigo, Luis Espada, e que xunto con moitas outras propostas feitas por distintas asociacións cremos que foi importante a insistencia nesta demanda para que hoxe, no 2017 se presentase por fin o primeiro proxecto de carril para a mobilidade ciclista ao longo de toda a cidade de Vigo.

 

A Golpe de Pedal está integrada ou colabora ademáis con outros organismos e asociacións a prol da bicicleta e a mobilidade sostible, como Conbici, a coordinadora estatal da bicicleta, a Federación Portuguesa de Cicloturismo e Utilizadores de Bicicleta (FPCUB), ou as asociacións Pedaladas e Arousa en bici, da provincia de Pontevedra, xunto cos que participamos na recentemente constituída mesa provincial da bicicleta, así como as asociacións Composcleta e Asciga, de Santiago de Compostela, e Crunia de A Coruña, coas que actualmente estamos traballando na creación dunha Mesa Galega Bicicleta.

 

O obxectivo futuro da asociación é o poder actuar como punto de encontro de todos os colectivos relacionados co mundo da bicicleta na cidade de Vigo e tamén na área metropolitana, clubes ciclistas, tendas de bicis, usuarios de bicicleta, asociacións e entidades públicas. Xuntando esforzos coa colaboración de todos podemos avanzar nunha mellora da nosa calidade de vida na que a bicicleta ten un importante papel, como medio de ocio, lecer e deporte, pero tamén na mellora da mobilidade, a saúde e mesmo como unha oportunidade de traballo e solidariedade.

 

Ademais dende A Golpe de Pedal queremos ir un paso máis alá da bicicleta, colaborando e reivindicando tamén a mellora das condicións de vida de todos os colectivos máis sensibles. Unha cidade segura, accesible e amable para os nenos, os anciáns e as persoas con discapacidade é unha cidade segura e amable para todos.

 

Seguiremos traballando nesta dirección coa consolidación de actividades recreativas, ambientais divulgativas e solidarias como “Unha bici un sorriso”, A Pedaliña, A semana europea da mobilidade ou a marcha ciclista popular polos montes de Vigo e novas propostas que poidamos desenvolver no futuro para os nosos socios e a cidadanía en xeral.

 

A Golpe de Pedal quere ser unha asociación aberta a todos, para seguir o noso camiño necesitamos o apoio e traballo de todas as persoas que cren que unha mellor convivencia é posible e que a bici é unha oportunidade para esa mellora. Por iso vos animamos a todos os que compartades estas ideas a que participedes activamente con nós e nos axudedes a seguir adiante.

 

Vive Vigo en Bici, A golpe de Pedal.

 

Compartir en facebook Comentarios