Logo Agolpe de pedal

Logo Agolpe de pedal Vive la bici!

Por Alejandro hace 1 año, 3 meses

sinal samil

Múltiples estudos e experiencias reais constatan que a bicicleta é un medio de transporte altamente beneficioso e unha solución para a mellora da mobilidade urbana, a seguridade viaria, a calidade ambiental, ou para a propia saúde, tanto física como emocional, do usuario.

Sen embargo, cando nos atopamos nun sistema urbano de mobilidade (e extraurbano), no que o punto de vista, o foco ou a referencia da mobilidade é o coche particular acaba sucedendo que a aparición da bicicleta como medio de transporte se converte nun estorbo, en algo que non ten encaixe ou ben non sabemos como encaixar nun sistema consistente en estradas para coches e unha beirarrúa para os peóns.

Isto reflíctese na propia indefinición legal que acostuma haber para un vehículo, a bicicleta, que ten a capacidade de adaptarse a case calquera tipo de vía, xa que necesita moito menos espazo que un vehículo a motor e pode circular sen problema a baixa velocidade, por zonas peonís, e tamén a unha marcha máis rápida de ata 30 km/h, que sen embargo segue sendo unha velocidade de risco menor para os peóns.

Ao final, cando aparece o conflito debido a esta indefinición a solución máis inmediata é a prohibición, máis isto non é unha solución, é unha escapatoria que non ten en conta que as bicicletas non van a desaparecer, ao contrario, as súas bondades de mobilidade e goce, así como a propia saturación e contaminación urbana do tráfico en vehículo particular, fan que pouco a pouco se vaia incrementando a súa presenza, a pesares das dificultades que se lle presentan.

O que consegue a prohibición é a identificación da bicicleta como un inimigo, como un obstáculo para os coches e para os peóns, fomenta a desincentivación do uso desta alternativa amable de mobilidade e acrecenta o conflito, a confrontación, cando o que deberíamos buscar é a integración, a incentivación, o acceso a bicicleta para todo o público e por suposto a educación viaria conxunta e o respecto mútuo.

A alternativa xa é ben coñecida porque moi preto temos bos exemplos da mesma, o foco do plan de mobilidade urbana (e extraurbana) debe deixar de ser o coche particular e pasar a ser o peón, a bicicleta, o transporte público e por último o transporte particular, por esta orde.

En lugar de prohibir o que se necesita é esta redefinición da mobilidade urbana, o respecto, a educación viaria compartida e unha alternativa real para a mobilidade ciclista, e isto é algo que debe partir da vontade firme e activa das entidades municipais.

Porque probablemente, aquel que proba a bicicleta como medio de mobilidade urbana, a pesar das dificultades é posible que xa non a volva a deixar, senón que a convirta en parte da súa vida.

 

Compartir en facebook Comentarios