Logo Agolpe de pedal

Logo Agolpe de pedal Vive la bici!

Por Alejandro hace 8 meses, 1 semana

 

Sexamos claros, A Golpe de Pedal non está de acordo co RACE. Tras varios días seguramente todos sabemos a que nos referimos, a proposta de extender o carnet por puntos, seguro obrigatorio e matrícula ás bicicletas. Todos nos podemos equivocar e todos temos dereito a rectificar, o RACE tamén pode facelo.

Poderíamos falar de moitas argumentacións para este posicionamento pero nos imos quedar só con unha: a universalidade da bicicleta.

Expliquémonos, a bicicleta é o vehículo universal, democrático, para todos, unha oportunidade de supervivencia e desenvolvemento. No noso país quizais non entendamos isto se non estamos dentro desa grande porcentaxe de poboación (22%) que vive baixo o umbral de pobreza. Nesa situación, a bicicleta é o único vehículo que prácticamente non nos vai requirir dos recursos económicos necesarios para sobrevivir, pero si nos vai permitir movernos, poder seguir cos estudos ou ter a posibilidade de acceder a un traballo entre outras cousas.

Isto é así porque ata é posible obter unha bicicleta por doazón, como acabamos de recordar agora no Nadal, a época solidaria do ano, niso consiste Unha Bici Un Sorriso, un programa solidario todo o ano. Ademais é o propio esforzo persoal o combustible que impulsa este vehículo, non necesita doutro e apenas require dun lixeiro mantenemento, é un vehículo case gratuíto no día a día.

Por isto, poder moverse en bicicleta é importante, xa non só polo medio ambiente, polo ruído, os atascos ou a perda de espacio, senón pola súa universalidade e igualdade de oportunidades. Así debe seguir sendo, o vehículo democrático, universal, para todos, poñer obstáculos que impidan que así sexa é un erro.

A Golpe de Pedal asistiu este fin de semana, xunto con moitos outros colectivos de ciclousuarios, ao I Encontro Estatal de Formadores en Ciclismo Urbano organizado por Conbici. Trátase dunha iniciativa que está poñendo as bases para a educación vial nas escolas coa fin de ensinar aos alumnos a desprazarse en bicicleta pola cidade de maneira segura, compartindo o tráfico cos vehículos a motor en vías pacificadas cun límite de 30km/h ou por carril bici onde exista. Non é necesario un carnet obrigatorio para o respecto das normas de convivencia entre peóns, ciclousuarios e vehículos, é necesaria educación e protección aos máis débiles, os peóns primeiro e os usuarios de bicicleta despois

Nalgunhas cidades tamén se está poñendo en marcha o rexistro voluntario e gratuíto das bicicletas para evitar os seus roubos, non é necesaria unha matrícula obrigatoria cos seus custos asociados.

Moitos usuarios de bicicleta xa teñen un seguro voluntario de responsabilidade civil, por se por despiste ou erro provocan algún dano, todos somos responsables se provocamos un dano, peóns, ciclistas e condutores pero son os últimos os que poden causar de xeito habitual un dano moi grave.

Este fin de semana, volvendo do Encontro de Zaragoza, estivemos a punto de presenciar un accidente mortal provocado por un condutor con carné por puntos, seguro e vehículo matriculado, que puxo en perigo a súa propia vida e mais a nosa. Debemos traballar na educación e o respecto.

Moitos dos usuarios de bicicleta somos tamén condutores e peóns e temos moi claro que a cidade non debe ser para os coches, debe ser primeiro para os peóns e logo para a bicicleta e o transporte público e sempre debemos protexer e actuar en favor do máis débil.

 

A Golpe de Pedal.

Xaneiro 2017.

Compartir en facebook Comentarios